Saltar ao contido

Preguntas

Como facer unha copia de seguridade completa de WordPress

Un sitio WordPress consta de dúas partes: unha base de datos e uns ficheiros. Unha copia de seguridade que só inclúe unha delas non lle devolve o seu sitio. Isto é o que debe conter, e como facela.

O que contén unha copia de seguridade completa

  • A base de datos. As súas páxinas e as súas entradas, os seus axustes, as contas, os comentarios, os pedidos dunha tenda. É a parte que cambia cada día.
  • Os ficheiros multimedia. As imaxes, os documentos e os vídeos engadidos ao sitio. Adoita ser a parte máis pesada.
  • Os plugins e o tema, nas versións que usa hoxe.
  • O propio WordPress, na súa versión actual.

Sen a base de datos, atópase cun sitio baleiro. Sen os ficheiros multimedia, con páxinas sen imaxes.

O que pode deixar fóra

  • O ficheiro de configuración de WordPress (wp-config.php). Contén os datos de acceso á base de datos dese servidor concreto: noutro servidor, serían incorrectos.
  • As cachés. Reconstrúense soas.
  • As copias de seguridade antigas, tanto as súas coma as doutros plugins. Se non, cada copia contén as anteriores e medra sen fin.

Tres formas de facela

Co seu provedor de aloxamento. Moitos fan copias de seguridade dos sitios que aloxan. Pregunte cantos días conservan esas copias, se pode restaurar unha vostede mesmo e onde se gardan: se están no mesmo servidor que o seu sitio, desaparecen con el.

A man. Vostede descarga os ficheiros por FTP e exporta a base de datos. É posible, pero lento e fácil de facer mal: un cartafol esquecido, unha base de datos exportada a medias.

Cun plugin de copias de seguridade. Cópiao todo dunha vez. Antes de confiar nel, comprobe tres cousas: que de verdade o copia todo, que non ten límite de tamaño e que volve ler o que escribiu.

Cando facela

Antes dunha actualización importante, antes de cambiar de tema, antes dunha migración. E cun ritmo regular, que depende do que poida permitirse perder.

Galego